SITUACIÓN POLÍTICA

A verdadeira memoria de Fraga

Jano Rego

FOTO
24/02/2026

A polémica arredor do busto de Fraga non é anecdótica: revela a vontade de moitos sectores da sociedade galega de seguir lexitimando unha figura clave da represión franquista e de manter intacta a imaxe dun dos altos cargos políticos daquela etapa. Nese marco hai que entender as reaccións que xerou a acción levada a cabo por militantes socialistas vascos o pasado sábado contra o busto de Manuel Fraga Iribarne.

As respostas foron de todas as cores, pero a primeira foi a dos líderes do Partido Popular, que non teñen ningún tipo de vergoña en seguir reivindicando, a cara descuberta, a súa orixe franquista e a súa histórica enemistade cos traballadores en loita. Así o expresaron nas súas redes sociais a líder madrileña Isabel Díaz Ayuso e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, os cales parecen ter moito medo de que se confronte a imaxe dun dos que sitúan como representante da actual democracia.

Isto non é nada novidoso: xa a Transición intentou vender esta mesma cara do vilalbés. Reivindicouno como un dos pais da Constitución, das liberdades democráticas e como un político sensato, pero o seu currículo real é ben distinto. A súa é a traxectoria dun fascista convencido que gobernou e militou 35 anos para a ditadura sanguinaria do franqusimo. Isto é o que no fondo lles molesta que se sinale.

A acción reivindicada por GKS vén precisamente lembrar un dos episodios máis destacados deste fundador do Partido Popular. O 3 de marzo é o cincuenta aniversario da matanza de Gasteiz, unha xornada na que o vilalbés, como vicepresidente e ministro de Gobernación, foi o máximo responsable da represión a unha multitudinaria asemblea de obreiros, asasinando a cinco deles e proclamando a súa famosa cita: “La calle es mía”. Ese feito sumase a un historial moito máis completo do que fai parte firmar as sentencias de morte de comunistas como Julián Grimau por fusilamento, dos anarquistas Francisco Granado e Joaquín Delgado mediante o método medieval do garrote vil e dos “últimos fusilados do franquismo: Baena, Otaegui, Txiki, Sanchez Bravo e García Sanz. Fraga tamén foi un destacado defensor dos criminais de guerra e xenocidas nazis: xunto do tío de Ana Botella pediu a liberación de Rudolf Hess, a man dereita é íntimo do propio Adolf Hitler, da prisión alemana de Spandau.

Como non podía ser doutro xeito, numerosos medios de comunicación e forzas políticas saíron a reaccionar ante a acción, adoptando estratexias diferentes pero converxentes nun mesmo efecto: a normalización da figura de Fraga e a condena das acción dos antifascistas vascos. A maioría dos medios criminalizaron a mensaxe antifascista como antidemocrática, contribuíndo ao lavado de cara desta figura. Mesmo nese intento de rehabilitación apareceu unha liña máis sutil: a de separar o Fraga represor dun suposto Fraga defensor da lingua e da cultura galega.

O xornal líder do nacionalismo galego, Nós Diario, permitiu que a mañá de onte se abrira cunha opinión na que se propoñía reivindicar no presente o seu papel na defensa da lingua galega. Esta operación non deixa de formar parte do mesmo proceso de lavado. Pero se volvemos examinar o legado cultural de Fraga esta imaxe cae polo seu propio peso: abonda con lembrar o que fixo coa literatura en galego cando era Ministro de Información e Turismo. A prohibición do Sempre en Galiza, a multa de 50.000 pesetas e seis meses de prisión a Alberto Míguez por publicar El pensamiento político de Castelao, ou a prohibición de emitir misas en galego na radio foron parte das súas políticas contra o galego. Independentemente de todo isto, o problema esténdese a que parece que, se Franco falase galego, estarían dispostos a reivindicalo parcialmente.

Outra reacción destacada foi a do principal partido do nacionalismo galego, o BNG, que saíu sen ambaxes a desmarcarse deste tipo de accións. Así o facía ver Ana Pontón, dicindo que este modo de actuar non representaba as posicións da súa formación. Isto, por moito que se intente maquillar, é outra vía para lexitimar a convivencia con esta figura, cortándolles as mans aos antifascistas que deciden actuar contra ela. Declaraba que as vías para enfrontarse ao legado fascista deben reducirse ás institucionais.

Este conxunto de reaccións a este suceso sinalan diversas cuestións relevantes. O primeiro é que o Partido Popular segue sendo o mesmo e está perfectamente reconciliado co seu pasado franquista; promove abertamente unha “democracia” na que caben fascistas nos altos cargos. O segundo é que o PSOE está claramente comprometido coa condena a todo acto de rúa contra o fascismo – como ben leva amosando durante toda a súa lexislatura. Ata aquí pode que todos esperásemos esta reacción, pero moitos seguen sorprendidos co papel que o BNG escolleu.

A realidade é que as declaracións de Pontón son unha simple mostra dun proceso de renuncia no que a súa formación leva anos sumida. A condena desta acción contra o busto amosa a vontade de distanciarse do antifascismo militante que xa fixera isto mesmo, co mesmo busto, en anteriores ocasión. A súa proposta encerra a política antifascista dentro do xogo institucional e subordina as accións de rúa ao impulso da súa proposta electoral, que agora precisa dar imaxe de capacidade de goberno sensato para aumentar o seu apoio. Por iso atrévese a condenar unha acción contra o busto dun exlíder franquista a quince días de que se cumpran cincuenta anos desde que este ordenou asasinar aos membros dunha asemblea obreira.

Todas estas posicións permítennos extraer unha conclusión clara sobre o papel que os diversos axentes políticos procapitalistas están dispostos a xogar arredor da práctica antifascista e dos límites da tan de moda aposta por frentes populares/amplos/de esquerdas eleitoralistas. Desde un enfoque pretendidamente antifascista debería facerse imposible a convivencia cunha figura como a de Fraga, e a súa estatua é un símbolo máis da impunidade coa que hoxe se trata o fascismo. Quen lexitima o seu pasado franquista declara a súa convivencia cun futuro no que a ultradereita e o fascismo volvan xogar un papel de relevancia; e quen criminaliza accións como a deste sábado amósase disposto a opoñerse á construción dunha política antifascista militante e consecuente que non tema actuar máis alá da súa proposta institucional. En mans dos políticos procapitalistas, sexan da cor que sexa, o antifascismo está mutilado e anestesiado fronte á crecente ameaza dun novo movemento fascista internacional. Este é o actual estado das cousas e aquilo que debemos reverter con urxencia.