A medida que se achegaba o 8M foron aparecendo numerosas novas sobre como o feminismo se está “desplomando” entre as novas xeracións. Titulares anunciando que case a metade da mocidade percibe o feminismo como unha estratexia de manipulación política. E, aínda que isto asusta, non sorprende. Forma parte da ofensiva reaccionaria que acompaña o novo programa político da oligarquía internacional.
Para entendelo non hai que ir moi lonxe. Nos últimos anos cedeuse un enorme espazo aos discursos reaccionarios. As redes sociais convertéronse no seu principal campo de acción, cun auténtico aparato de axitadores que difunden bulos, fomentan o odio e animan a atacar ás mulleres. Ao mesmo tempo, as institucións permitiron que se normalice negar a existencia da violencia machista ou cuestionar as propias leis destinadas a combatela.
Este proceso produciuse ademais nun momento de debilitamento da mobilización social na defensa dos dereitos das mulleres. A institucionalización do movemento feminista e a súa chegada ao goberno tiveron tamén un efecto desmobilizador e desmoralizador, abrindo un terreo máis favorable para o avance do discurso reaccionario.
O exemplo do comezo evidencia que as consecuencias comezan xa a ser visibles. Están avanzando partidos e políticas contrarias aos dereitos das mulleres e prodúcense retrocesos en cuestións que pensabamos consolidadas. O debate sobre o aborto ou a crecente normalización da misoxinia no discurso público e parlamentario son exemplos claros.
O plano internacional dá unha imaxe do futuro destes discursos. Vémolo cando aparecen ligados a unha nova etapa política marcada polo militarismo e o autoritarismo. Discursos como o do “rearme demográfico” formulado por Macron non son inocentes. O machismo non pode entenderse senón como un instrumento funcional ás necesidades do capitalismo. Nun contexto de crise e de crecente tensión bélica, os estados necesitan reforzar determinadas estruturas de dominación que garantan a dispoñibilidade de futuros exércitos. E isto farase a costa das mulleres traballadoras.
Xunto a isto, emerxe unha nova capa de axitadores mediáticos que contribúen a consolidar un sentido común reaccionario arredor do sexo e o xénero. Persoas con gran alcance en medios e redes sociais difunden constantemente ideas segundo as cales as mulleres “fomos demasiado lonxe”, o feminismo discrimina aos homes ou a violencia machista está esaxerada. Ao mesmo tempo que defenden a volta a unha familia nuclear heterosexual de dominación para as mulleres e opresión para as persoas LGTBIQ+.
Buscan maquillar o seu obvio combate ás mulleres falando de violencia machista cando lles convén politicamente para estender o racismo. Vox leva anos difundindo discursos sobre “ideoloxía de xénero” ou “denuncias falsas”, mentres que nos seus propios discursos públicos aparecen referencias a supostas culturas “hostís ás mulleres”. Tamén utilizan a violencia sexual para xustificar ataques aos dereitos das persoas trans.
Aínda que estes exemplos procedan principalmente de Vox, o PP segue unha liña moi próxima neste ámbito. Baixo bulos e argumentos falsos constrúese un discurso que non busca protexer ás mulleres, senón atacar determinados dereitos e reforzar unha visión reaccionaria da sociedade.
Este clima ideolóxico tamén alimenta a proliferación de grupos fascistas de rúa, que constitúen o sector máis radical desta nova reacción. Sería iluso pensar que as súas accións non afectarán ás nosas condicións de vida e de organización: desde o acceso ao aborto ata a propia seguridade das mulleres.
En conxunto, está a configurarse un novo sentido común reaccionario impulsado por partidos de ultradereita, grupos fascistas e unha rede de axitadores mediáticos. Os valores sociais están desprazándose cara marcos cada vez máis dereitizados.
Para moitas de nós isto resulta especialmente impactante. Moitas crecimos nun momento no que a loita polos dereitos das mulleres parecía formar parte do sentido común e no que os avances do movemento se percibían como conquistas consolidadas. A pesar das críticas que se poden facer a aquel ciclo político, é inevitable preguntarse como puidemos retroceder tanto en tan pouco tempo.
Unha primeira conclusión que evidencia a situación descrita é a fraxilidade das conquistas dentro do capitalismo e a incapacidade da socialdemocracia para ofrecer solucións reais e estables aos problemas das mulleres traballadoras. Non só porque moitos avances foron parciais ou non beneficiaron principalmente ás traballadoras, senón porque agora vemos como esas conquistas poden desaparecer con relativa facilidade.
Ante esta situación debemos analizar os erros e acertos do ciclo anterior e repensar como responder á ofensiva reaccionaria. Isto pasa por reconstruír un programa socialista que ligue claramente a loita contra o machismo coa loita contra o capitalismo.
Cómpre explicar a quen beneficia o machismo e desmontar os discursos baseados en bulos e mentiras. Ao mesmo tempo, debemos traballar na reconstrución de grandes organizacións de masas da clase traballadora que teñan como horizonte a superación do capitalismo e que recuperen o papel histórico de vangarda na loita pola emancipación das mulleres.
Pero tamén precisamos defendernos. O avance do fascismo nas rúas, as posibles reformas autoritarias e a consolidación dun sentido común reaccionario poden limitar seriamente as nosas condicións para facer política e organizarnos.
As xornadas de mobilización de mañá deben servir para lanzar unha mensaxe aos fascistas e reaccionarios: as mulleres traballadoras imos dar o combate. Tamén para lanzar a mensaxe ás mulleres traballadoras desmobilizadas e desorganizadas de que debemos retomar a loita e avanzar contra o machismo e o capitalismo que nos explota e nos oprime.