FOTO
LOGO

Tras un proceso de unificación política e expansión organizativa, mozos de distintos puntos do país xuntámonos para presentar a Coordinadora da Mocidade Socialista, unha organización do movemento socialista.

Cremos que é necesario dar este paso e comezar a traballar con seriedade por facer do comunismo unha tendencia de masas na Galiza. A Coordinadora da Mocidade Socialista nace como un primeiro paso para traballar por volver reunir forzas sobre o proxecto político da clase traballadora.

Vivimos nun momento que amosa a necesidade desta tarefa. A actual crise deixa claro o carácter destrutivo do capitalismo, o seu fracaso como modelo de sociedade. Os líderes internacionais están preparándose para a guerra e queren que sexamos nós quen a acepte e leve a cabo a súa axenda de destrución. O que nos ofrecen a cambio é vixilancia, control, austeridade, traballos precarios, recortes, desafiuzamentos e destrución medioambiental.

O capitalismo quere que este sexa o noso futuro. Quere que a maioría traballadora siga vivindo unha vida de silencio e constante resignación. Teñen moi claro que debemos ser espectadores sen capacidade de influencia nos plans que teñen para nós. Por iso atacan os nosos dereitos políticos.

Os políticos profesionais fan súa esta axenda. A socialdemocracia está amosando a súa incapacidade para reverter esta situación de debilidade. A clase traballadora segue fragmentada e ausente, pero, entre a súa impotencia, os nosos inimigos máis autoritarios e reaccionarios non perden o tempo e van aumentando a súa influencia.

A ruptura coa socialdemocracia é necesaria. A xuventude, como xa fixo antano, debe ser a primeira en asumir esta tarefa. Debemos reorganizarnos sobre os intereses independentes que temos como clase e volver situarnos como un axente con voz propia. Esta é a tarefa que facemos nosa e na que dende hoxe traballaremos.

Facemos isto recollendo o legado de milleiros de militantes que antes ca nós deron a súa vida na loita contra o capitalismo. Sen todo o seu legado hoxe non poderiamos estar aquí.

A Coordinadora da Mocidade Socialista busca ser unha ferramenta para unificar a clase traballadora e recompoñer a súa acción política independente sobre bases programáticas que camiñen cara a revolución socialista.

Únete a nós.

Consulta a nosa proposta política.